A start-up lucense aposta por solucións tecnolóxicas ante os problemas dos gandeiros.
A empresa lucense Innogando é un bo exemplo de como as novas tecnoloxías poden ser moi útiles para solucionar problemas no sector gandeiro, pese a que para moitos poida parecer que segue a ser unha utopía levar os últimos adiantos tecnolóxicos ata o campo. O dispositivo Rumi e a aplicación Eliter, que se están comezando a comercializar por parte de Innogando, demostran que hai moitas posibilidades de desenvolver este tipo de solucións para a gandería.
Elio López, socio fundador da compañía, explica que o proxecto de Innogando xorde precisamente das necesidades que teñen os gandeiros de contar coa tecnoloxía para axudarlles a resolver os problemas aos que teñen que enfrontarse diariamente. “Eu son veterinario e procedo dunha familia gandeira e xunto a o meu amigo Daniel Pardo, enxeñeiro informático, vimos que a maior necesidade dos gandeiros era contar con ferramentas axeitadas para previr as enfermidades dos animais e tamén os partos. Ese foi o comezo do proxecto”, explica López.
Nun primeiro momento apostaron por desenvolver un microchip subcutáneo para medir de xeito permanente a temperatura dos animais e poder sacar conclusións destes datos. Despois de ano e medio de investigación viron que había un problema de moi difícil solución no dispositivo: as baterías esgotábanse cada mes e cambialas cada pouco tempo non resultaba operativo. Iso levoulles a mudar a orientación do proxecto e encamiñarse cara un dispositivo que permitise verificar o movemento dos animais.
“Deste xeito”, sinala López, “chegamos a desenvolver o dispositivo Rumi que agora empezamos a comercializar e que nos permite coñecer todo o que fai o animal en todo momento e previr situacións como as enfermidades, o período de celo ou os partos”. Innogando fabrica tanto o propio dispositivo como a app que incorpora e nestes intres se está a comezar coa súa comercialización con moito interese por parte dos gandeiros. Inicialmente o mercado atópase en Galicia e Asturias pero a intención e levalo a outras comunidades a partir do ano que vén.
López apunta que hai un campo moi amplo para explorar no que se refire á aplicación das tecnoloxías na gandería e neste sentido van seguir investigando nos vindeiros anos. Ademais do dispositivo Rumi, a empresa está a desenvolver a app Eliter que permite incorporar datos de todo tipo sobre os tenreiros o que lle da un maior valor engadido á produción gandeira.
O proxecto de Innogando (nome ao que chegaron despois de chamarse inicialmente Itechterm) pasou pola aceleradora empresarial Vía Galicia na que, segundo explica López tiveron a oportunidades de acceder a unha formación “moi interesante” e ademais facilitoulles o acceso aos instrumentos de financiamento de XesGalicia e de Vigo Activo e a unha axuda da Axencia Galega de Innovación (Gain) de 25.000 euros.
Innogando está a desenvolver unha app que permite incorporar datos de todo tipo sobre os animais e contribúe a xerar un maior valor engadido na produción gandeira
Na actualidade, Innogando está a participar nalgunhas convocatorias de axudas públicas para tratar de obter máis financiamento que lles permitan seguir a desenvolver os proxectos de futuro da empresa, como na terceira edición da aceleradora especializada do sector alimentario Business Factory Food (BFFood) impulsada polo Cluster Alimentario de Galicia e a Xunta de Galicia.
“Cremos que hai posibilidades moi interesantes de crecemento porque son moitos os problemas que a tecnoloxía pode axudar a resolver no campo”, engade López. A empresa comezou coa iniciativa dos dous socios fundadores citados pero agora traballan nela un total de oito persoas, entre as que se atopan como socios a veterinaria Carlota Antelo e o experto en electrónica Daniel González. O proxecto de Innogando foi premiado por Agader pola súa contribución ao desenvolvemento rural do país.