Os galardóns impulsados dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento distinguen empresas de base tecnolóxica consolidadas, de recente creación e start-up.
As empresas Biostatech, bFlow e Innogando acaban de ser recoñecidas nos premios ‘Mellor Iniciativa Empresarial USC’ nun acto presidido polo reitor Antonio López que se desenvolveu este luns 27 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. A primeira edición destes galardóns diríxese a empresas de base tecnolóxica (EBT) da USC participadas pola institución, así como a proxectos empresariais e empresas start-up creadas nos últimos 24 meses que recibiran axuda dalgún dos programas de apoio á creación de empresas da USC.
No seu ditame, o xurado tivo en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto, o grao de innovación do produto, proceso ou servizo, a capacidade de xeración de emprego da iniciativa, o carácter multidisciplinar do equipo promotor e as políticas de igualdade na actividade da empresa. Ademais, no caso das iniciativas empresariais de base tecnolóxica valorouse o grao de consolidación da empresa, a introdución de produtos ou servizos innovadores e o impacto da empresa na USC, medida pola súa participación conxunta en proxectos europeos, contratos de I+D ou doutoramentos industriais, entre outros factores.
A sesión serviu para reafirmar a aposta por este ámbito, “unha aposta imprescindible” para que o coñecemento teña transcendencia e sirve á cidadanía, afirmou o reitor Antonio López. Como indicou, “todo este acto non é casualidade” senón o froito de tres décadas de aposta por parte da USC a prol da transferencia de coñecemento, para que “transcenda e poida agromar en proxectos con impacto e valor engadido para o conxunto da sociedade”.
EBT consolidada
Na categoría de mellor EBT consolidada, resultou vencedora Biostatech “polo aproveitamento no mundo dos negocios dunha metodoloxía de tratamento estatístico orixinario da contorna de investigación, pola súa capacidade de resiliencia e adaptación, polo proceso de diversificación na carteira de clientes e por contar cunha política explícita de igualdade”, destacou na súa a acta o xurado. Biostatech é unha empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e persoal investigador con ampla e contrastada experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Acordouse tamén facer unha mención especial a iBone Lab “polo seu rápido crecemento e a conta de resultados positiva dende as primeiras fases da súa traxectoria”.
EBT de recente creación
Bflow, premio á mellor EPB de recente creación, ofrece solucións de microfluídica grazas ao deseño personalizado e fabricación por tecnoloxía láser dun chip con microcanais sobre os que se pode realizar cultivo celular e aos que se lles aplica unha simulación de fluxo. En investigación preclínica, esta tecnoloxía permite probar as moléculas e fármacos nunhas condicións moi similares ás dun ser vivo, polo que, empregada antes de pasar o test en animais, permite identificar os mellores candidatos a superar ese test, reducindo e racionalizando así tempo de investigación, custos experimentais e número de animais de experimentación. O xurado destacou na súa acta de concesión a “potencialidade do mercado dos dispositivos de microfluídica, a consecución de capital semente para a fase de arranque nun curto prazo, o rápido establecemento de oportunidades de negocio no mercado asiático, e a multidisciplinariedade do equipo promotor”. Puideron optar a este premio as EBT constituídas no ano 2020 ou 2021.
Mellor start-up
Finalmente, na categoría de mellor start-up, resultou premiada Innogando “pola activa participación en programas de emprendemento que lle permitiu unha rápida redefinición do modelo de negocio, pola captación do interese e compromiso financeiro dunha empresa clave no sector gandeiro, pola rápida constitución dun equipo de traballo e consecución das primeiras vendas”, destacou o xurado. A start-up premiada agromou do programa Explorer USC-Lugo grazas a RUMI, un sistema de localización GPS para gando vacún que monitoriza en tempo real o estado do animal e achega información sobre o seu comportamento. Os promotores desta aplicación ampliaron as súas prestacións coa incorporación de análises doutros parámetros que achegan aos gandeiros datos relacionados coa preñez, período de xestación e datas de parto.
Xurado
O xurado estivo composto por Miriam Gil Sánchez, responsable de Relacións Institucionais e Emprendemento, Santander Universidades e Universia España; Belén Liste Lázara, subdirectora xeral de Emprego de Galicia da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; María Rosario Eirín Barrio, técnica da Oficina Galicia Emprende da Área de Competitividade do Igape; e Carlos Alberto Vaamonde Rivero, técnico da Área Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Tamén integrou o xurado, con voz pero sen voto, José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, impulsora do certame. Cada unha das empresas premiadas recibiu 1.000 euros.
Ademais do reitor, participaron no acto de entrega Luis Otero González, delegado de Transferencia do Coñecemento da USC; o director da AVTE, José Luis Villaverde; Margarita Ardao Rodríguez, directora xeral de Emprendento e Apoio ao Emprego; Enrique Facal da Costa, responsable de Institucións da Coruña e Lugo do Banco Santander; Patricia Fernández Liz, directora da área de Servizos de GAIN; e María Rosario Eirín Barrio, da área de Competitividade do Igape. Os premios ‘Mellor Iniciativa Empresarial USC’ foron promovidos en colaboración co Banco Santander.