A empresa investirá máis de 5,4 millóns de euros na adquisición de catro parcelas e converterase na quinta firma que se asentará na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuníronse esta semana co director de Lonza Biologics Porriño S.L, Keith Dailey, co que abordaron a incorporación da empresa á Plataforma Loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).
Lonza investirá máis de 5,4 millóns de euros na adquisición de catro parcelas, en réxime de dereito de superficie, e converterase así na quinta firma que se asentará na Plisan. Trátase da maior adxudicación de superficie de solo empresarial asignada ata o momento na Plisan, 102.000 metros cadrados.
Anteriormente, a conserveira Hijos de Carlos Albo adquirira 63.000 m2 cun valor de case 3,3 millóns de euros en novembro de 2020; a tecnolóxica BETA Implants, pertencente a Arbinova, se fixera con 5.200 m2, cun prezo de 371.000 €, entre marzo de 2021 e o pasado xaneiro; este mesmo mes, a conserveira Frinsa adquiriu de xeito directo 41.000 m2 por 2,2 millóns de euros e a empresa de augas Gainser sumou 2.650 m2 por 190.000 euros.
Deste xeito, confírmase o bo momento da Plisan e o efecto chamada de empresas, tal e como demostra o feito de que chegasen tres firmas no que vai de mes. Así, a superficie total adxudicada xa ascende a 214.000 m2, cun prezo global de adquisición de 11,23 millóns de euros.
Cómpre lembrar que os promotores da Plisan son a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Unha vez rematen as actuacións actuais, o investimento neste ámbito ascenderá xa a preto de 235 millóns de euros.
Entre as intervencións máis recentes, destaca o remate, o pasado mes de decembro, da obra da estación de tratamento de auga potable (ETAP), executada pola Xunta cun investimento de 5,2 millóns de euros; e da actual adecuación de todas as subministracións de servizos —gas, grupos electróxenos, electricidade, etc.— na zona de comercialización.
A segunda localización de Lonza
Actualmente, Lonza, empresa do sector biotecnolóxico, conta cunha planta no polígono industrial de Torneiros (O Porriño), a uns 20 km da Plisan. Desde 2006, especializouse na fabricación a medida de proteínas recombinantes e anticorpos monoclonais terapéuticos para subministración clínica e comercial.
A compañía conta con ao redor de medio milleiro de empregados directos e nos últimos anos realizou investimentos en liña co seu compromiso coa sustentabilidade, para mellorar a súa eficiencia enerxética, e reducir o consumo de auga e a xeración de residuos.