A spin-off da USC recibirá máis de 600.000 euros para executar o proxecto GREENVITISV co que crear unha nova cadea de valor no sector do viño e aproximalo á economía circular.
A spin-off da USC i-Grape Laboratory SL recibirá máis de 600.000 euros por parte da Axencia Galega de Innovación (GAIN) co obxectivo de avaliar e aprobar un extracto bioactivo obtido do bagazo de uva branca como un principio activo para o seu uso en medicina veterinaria, como biopesticida e como aditivo alimentario. O proxecto GREENVITISV explota unha tecnoloxía desenvolvida no grupo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) do Centro Singular CRETUS da USC. Esta tecnoloxía, patentada pola propia Universidade, logra a obtención de extractos naturais utilizando como materia prima residuos da industria agroalimentaria.
“Os extractos polifenólicos obtidos teñen potentes bioactividades: antibacteriana, antifúnxica e antioxidante, entre outras, con multitude de aplicacións en sectores como o veterinario, fitosanitario, ou alimentario”, explica a catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores. “Unha das características principais do proceso é a utilización de residuos vexetais como materia prima, evitando así fontes non renovables ou de orixe alimentaria”, matiza a investigadora. “Especificamente, o bagazo de uva branca ten un fitoarsenal químico moi diverso e interesante, que nós podemos aproveitar grazas ao xeito en que se vinifican os viños brancos —obtención do mosto e fermentación sen contacto co bagazo ou cun contacto mínimo—, o que fai que este reteña a meirande parte da carga polifenólica orixinal da uva”.
O proxecto GREENVITISV, que se desenvolverá nas instalacións do Edificio Emprendia da USC, foi presentado por i-Grape Laboratory á convocatoria H2020 Instrumento Peme da Unión Europea en outubro de 2020, e implica a creación dunha nova cadea de valor no sector do viño no contexto da Economía Circular. O proxecto GREENVITISV propón o uso do extracto obtido do bagazo de uva branca de variedades autóctonas galegas como un principio activo para un medicamento veterinario para o tratamento da mastite; un principio activo para o uso en biopesticidas para o tratamento das principais enfermidades que afectan os viñedos; e o uso do extracto como aditivo alimentario na elaboración do viño para evitar ou diminuír a necesidade de engadir sulfitos. GREENVITISV foi galardoado pola Comisión Europea co Selo de Excelencia.